A lenda
Un pouco de historia…
Os arquivos do Bispado de Tui constatan que no século XVII vivían na parroquia de Fofe máis de 250 familias. A súa actividade máis próspera era o cultivo de centeo, trigo e millo. Os muíños que aínda hoxe seguen o curso do río son testemuñas daqueles tempos.
As rutas comerciais que se estendían dende a zona do Ribeiro ata as costas paraban en Fofe. O tránsito continuo de mercadorías axiña converteu toda a zona da Paradanta nun lugar propicio para vivir. O aumento da poboación levou á Igrexa a destinar alí máis párrocos, polo que se necesitou a construción dunha gran casa reitoral que chegou a albergar ata sete curas.
Sobre as ruínas desta, xorde a actual Reitoral de Fofe.
A súa restauración comezou no 1996 e o seu principal obxectivo era respectar a estrutura orixinal da casa, habilitando o seu interior como un dos máis fermosos exemplos de aloxamento rural de Galicia.
A lenda…
Conta a lenda que, cando o último dos párrocos habitaba a reitoral, uns bandidos asaltaron a casa. Armados con trabucos, entraron polo atrio principal coa intención de roubar e acabar con calquera que se cruzara no seu camiño. Avisado pola ama de chaves, o cura espertou no medio da noite e, como non había forma de escapar, ideou un plan para enganar aos bandidos. Cando entraron no cuarto do cura, só atoparon dúas mulleres asustadas que se axeonllaron diante deles suplicando clemencia. Unha delas resultou ser o cura disfrazado coa roupa da súa serventa, o que o salvou dunha morte segura.